Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal
Descargar bases VII convocatoria (Galego)
Convócase o VII Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal, co que se pretende recoñecer o traballo clave á hora de afrontar o enorme desafío que supón atopar solucións a un dos grandes males da humanidade e premiar o esforzo e a traxectoria científica na área da investigación oncolóxica e que supoña a xeración de desenvolvemento e/ou aplicación dos novos coñecementos biolóxicos e clínicos sobre o cancro.
1. Premios.
1.1. Haberá un único premio dotado con quince mil euros (15.000 euros), que estará sometido ás retencións fiscais que legalmente lle correspondan.
1.2. Entregarase, así mesmo, un símbolo distintivo e acreditativo do galardón concedido.
2. Candidaturas.
2.1. Poderán ser candidatos aos Premios os investigadores de carácter preclínico (investigación básica orientada á obtención de coñecemento con aplicación clínica), e clínico (investigación en humanos), que desenvolvan a súa actividade en centros sanitarios e/ou centros de investigación, públicos ou privados de Galicia, España ou calquera parte do mundo.
2.2. Poderán formular a súa proposta de candidatos ao Premio as institucións públicas e privadas, fundacións, asociacións, colexios profesionais, academias, e personalidades cuxa actividade teña vinculación coa investigación oncolóxica.
2.3. Serán excluídas aquelas candidaturas presentadas por quen soliciten o Premio para si mesmos ou para os grupos ou entidades a quen representen.
3. Presentación de Candidaturas.
3.1. O premio poderá outorgarse mediante presentación de candidaturas que se formalizarán entregando a seguinte documentación de cada candidato:
a) Breve resumo de razóns que motivan a proposta e descrición da actividade pola que se solicita o premio.
b) Datos do candidato proposto (nome completo, dirección do centro de traballo, dirección de contacto, teléfono, e-mail).
c) Relación de méritos e de obras ou publicacións máis relevantes.
d) Calquera outra documentación que poida resultar de interese para coñecer a actividade do candidato proposto.
e) Declaración escrita na que se compromete formalmente, en caso de obter o premio, a recollelo persoalmente no lugar e a data establecidos.
3.1.1. Poderán acompañarse, así mesmo, outros apoios á candidatura e, en xeral, cantos documentos acheguen datos relevantes e información suplementaria.
3.1.2. Os idiomas nos que se poden presentar as candidaturas son: galego, castelán e inglés.
3.1.3. As candidaturas poderanse presentar por correo certificado, en sobre pechado coa referencia “Premio de Investigación Oncolóxica”, ao Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela ou á dirección: Preguntoiro 36-1o. 15704 Santiago de Compostela (A Coruña). Así mesmo, poden presentarse por correo electrónico na dirección redaccion@bolanda.es ou directamente a través da web do premioramirocarregal.
3.1.4. O prazo de presentación de candidaturas finalizará o 26 de marzo de 2018 ás 23.59 h (hora local de Santiago de Compostela). No caso das enviadas por corre atenderase á data do cuño de correos.
3.2. O premio tamén poderá ser outorgado directamente polo Xurado a traballos, equipo de investigación ou proxectos que pola súa transcendencia, traxectoria ou relevancia no ámbito investigador e/ou sociosanitario consideren que son merecedores do galardón.
4. Xurados.
4.1. O Xurado estará constituído por membros da comunidade científica, académica e investigadora, designados polo Padroado da Fundación.
4.2. Constituído o Xurado, actuará como presidente executivo o Dr. Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, que dirixirá as deliberacións, e estará asistido por un Secretario, designado por el, que asistirá ás reunións con voz e voto, levantando acta das mesmas.
4.3. O Xurado terá un presidente honorífico, que será D. Ramiro Carregal.
5. Fallo.
5.1. O Xurado outorgará libremente o Premio a un dos candidatos propostos polas entidades indicadas nestas bases ou ben a outro proposto directamente por el. Excepcionalmente poderá outorgarse de forma compartida cando os méritos das persoas, entidades ou grupos propostos compleméntense de forma clara.
5.2 A decisión do Xurado adoptarase por maioría de votos dos seus compoñentes, decidindo en caso de empate o voto de calidade do presidente. Finalizada a reunión do Xurado, a notificación do fallo será comunicada ao galardoado.
5.3. O Premio non poderá quedar deserto aínda que o Xurado resérvase o dereito, se existisen causas de forza maior que así o aconsellasen, a modificar en todo ou en parte as presentes bases, sen que iso supoña incumprimento algún.
5.4. O fallo do Xurado será inapelable e farase público no mes de abril de 2018 nos medios de comunicación social e a través da páxina web do Premio. Así mesmo notificaráselle persoalmente ao gañador.
5.5. Os traballos non premiados poderían pasar a formar parte da seguinte edición do premio se o Xurado así o considerase.
5.6. Non se realizará explotación económica das obras ou traballos premiados. A concesión do premio non implica cesión ou limitación algunha dos dereitos de propiedade, incluídos os derivados da propiedade intelectual ou industrial. A divulgación da obra en medios de comunicación ou calquera outro órgano de difusión non supón o incumprimento desta condición.
5.7. O solicitante do premio incluirá unha declaración escrita na que se compromete formalmente, en caso de obter o premio, a recollelo persoalmente no lugar e a data que decida o Consello.
6. Acto de entrega.
A entrega do premio realizarase nun acto solemne, coa asistencia de personalidades do ámbito político, social, académico e científico, en Santiago de Compostela en data e hora a determinar.